o trenzado dos cabelos

o trenzado dos cabelos

luns, agosto 24, 2015

Bela Adormecida: soño reparador



A verdade é que optei por durmir. E non creas que dormo, por ser eu unha preguiceira. En absoluto. Tampouco vaias pensar que cho aclaro, porque me avergoñe ser vista de ese modo. Para nada. Nin por ti nin por niguén. Non me preocupa a incomprensión. O poder de atracción  deste sono vagaroso é tan grande, que, sinceramente, as consideracións sobre el, feitas pola xente de fóra -esa que se mantén lonxe de nós, motu proprio, of course!, pois eu non boto a ninguén do meu carón gratuitamente, conste-, fánseme indiferentes. Non busco o recoñecemento desta miña autocracia, porque ser a raíña do meu imperio interior só admite un único aplauso: o meu. No entanto, recoñezo que amosar o contraste entre o real e o imaxinado faise tentador. Con que cara se queda quen crea esas imaxes na cabeza, a partir de certas presuposicións, absurdas na maioría dos casos, ao ver o errado da súas consideracións? 

O rídiculo vivido en privado non ten porta de saída: haino que ver si ou si. Agrádame este coñecemento, porque me permite rir, no canto de experimentar ira, cando me vexo na obriga de tratar con imbéciles. Toda esa fatuidade é un afán infantil de se colocar por riba dos demais, determinado por un profundo descoñecemento de si mesmos. O imbécil non sabe que o é. A imbécil tampouco.

Polo resto, que máis podería dicir sobre este gusto meu por durmir? Que me agrada habitar na inconsciencia para poñer os dedos no seu caótico tecido, porque, no fondo, só quero romper a sintaxe e non pousar nunca xamais os pés na túa leira? 

(Branca, isto foi o que lle dixen ao Príncipe Encantador)


1 comentario:

  1. Ti lé e pensa o que queiras. Eu durmirei, pese á xente que sempre ten que dar a súa opinión...é gratis opinar e atrevida a ignorancia...a miña vida é iso...miña. Non preciso da túa opinión ou aprobación, ou incluso rechazo, para facer ou desfacer o meu sono. Se queres quedar canda min quedas, se queres marchar marcha. Éme indiferente, éme alleo.

    ResponderEliminar